Saturday 04 de May de 2024

Música tradicional, mercado de artesanía e degustación de produtos locais reúnense esta fin de semana na II Festa Rural de Frades


A festa abrirase na tarde do venres 15 de setembro coa Xornada Interritmos “Sons do rural” coas actuacións de Leni Pérez, Roberto Comesaña e o grupo As Lembranzas

A praza de Ponte Carreira acollerá do 15 ao 17 de setembro a segunda edición da Festa Rural de Frades, organizada polo Concello de Frades en colaboración coa asociación de veciños Rexente, a asociación da terceira idade de Frades, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. “Desde o Concello de Frades queremos convidar a todo o mundo a esta festa para repetir o éxito obtido o ano pasado”, apunta o alcalde, Roberto Rey Martínez, que esta mesma mañá remataba a última incorporación ao cartel: un concerto infantil para a tarde do sábado 16 da man de Pakolas.

A II Festa do Rural de Frades abrirá as súas portas este venres 15 de setembro co programa “Interritmos. Sons do rural: xunco, vimbio e palla”, unhas xornadas promovidas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Local no marco do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Así, ás 19:30 horas terá lugar a actuación musical de Leni Pérez e Roberto Comesaña, gañadores do concurso Interritmos 2023, que darán paso ás 20:00 horas a dous obradoiros de cestaría no que os artesáns Álvaro M. Leiro e Rosa Olveira contarán a súa experiencia no eido da cestería tradicional galega. Ás 20:45 horas, nova actuación musical, desta vez da man do grupo gañador do Interritmos 2023: As lembranzas. A xornada rematará cunha degustación de produtos locais.

O sábado 16 de setembro terá lugar a apertura do mercado de artesanía e da exposición etnográfica. A mostra etnográfica recollerá unha selección dos obxectos recollidos no Museo de Frades: útiles e ferramentas do campo, aparellos do fogar, elementos dos antigos colexios… No mercado de artesanía participarán unha vintena de postos de cestos, coiro, madeira, xoiería, maquetas… Algúns dos artesáns farán demostracións da súa arte en directo e outros mesmo unha degustación dos seus produtos, como a Casa Grande de Xanceda.

A partir das 20:00 horas, concerto infantil da man de Pakolas, co seu espectáculo “Rockeando con Ramona pequena”. Ao rematar, a iso das 22:00 horas, terá lugar unha verbena popular co Dúo Arcángel.

Xantar popular

O domingo 17 de setembro, a II Festa do Rural abrirá as súas portas pola mañá coa apertura do mercado de artesanía e un pasacalles da man do grupo ordense Embruxo Gaiteiros. A partir do mediodía haberá unha exposición de motos antigas e unha degustación de callos, que serán entregados de balde con cada consumición nun dos bares emprazados na praza.

A sesión vermú correrá a cargo do grupo “Ailá”, que dará paso a un xantar popular composto por uns entrantes de empanada e xamón, seguido por callos e xarrete con verduras. De sobremesa haberá larpeira e xeado. O prezo do menú e de 28 euros persoas adultas, 18 euros menores de 12 anos e de balde para menores de 5 anos. Os tickets están á venda ata o 15 de setembro no Concello de Frades, na asociación de veciños Rexente, na asociación da terceira idade de Frades e nos bares de Ponte Carreira.

Pola tarde, de 17:00 a 19:30 horas, terá lugar unha nova edición do Festival Folclórico coa participación dos grupos Sarillo (Aiazo), Medorra con Troula (Galegos) e “Os Viqueiras de Villaverde” (Ordes). Paralelamente, a rapazada desfrutará cos xogos do Paporrubio. Os grupos “Maghúa” e “Tiruleque” serán os encargados de pechar esta II Festa Rural do Concello de Frades cunha verbena que dará comezo ás 20:30 horas.